Sunday 05 de May de 2024

A Coruña acollerá este mes a sétima edición do Animacción, o Festival Internacional de Curtametraxes de Animación


As curtametraxes seleccionadas a concurso proxectaranse entre os días 23 e 28 no Fórum Metropolitano e a sede da Filmoteca de Galicia na Coruña, situada na rúa Durán Loriga

Todas as proxeccións serán de acceso libre e con entrada de balde, mantendo así o compromiso do festival de estreitar o vínculo do público con esta especialidade da arte cinematográfica

A cidade da Coruña acollerá entre os días 23 e 28 de outubro a sétima edición do Animacción, o Festival Internacional de Curtametraxes de Animación, unha iniciativa promovida pola Asociación Cultural Ánimas Anónimas co apoio do Concello da Coruña.

O Animacción é un concepto de festival único en Galicia, e un dous poucos en España centrado en exclusiva na técnica de animación cinematográfica, achegando á cidadanía proxeccións e actividades asociadas ao sector. Ademais, outro dos obxectivos do Animacción é facilitar un espazo de divulgación aos talentos do campo da animación, con cabida para obras clásicas e pezas de artistas emerxentes.

Nesta edición, a programación da selección oficial do certame inclúe curtas producidas en España, así como en outros países como Portugal, Francia e Canadá. Haberá, ademais, unha selección orientada ao público infantil, con pezas francesas, australianas, checas e tamén galegas. A este respecto, a animación galega estará representada coas curtas ‘O monstro e a nena’ (en 3D e 2D), ‘Micaela’ e ‘Alguén me chamou serpe negra’.

As curtametraxes seleccionadas a concurso en cada unha das tres categorías (oficial, infantil e galega) proxectaranse entre o Fórum Metropolitano e a sede da Filmoteca de Galicia na Coruña, na rúa Durán Loriga.
Nesta última sede, ademais, haberá un pase especial da longametraxe ‘Cuentos extraordinarios’, do prestixioso animador español Raúl García. A peza inspírase en diversos estilos de animación para somerxer as e os espectadores no mundo literario do escritor e poeta estadounidense Edgar Allan Poe.

Todas as proxeccións serán con entrada de balde, mantendo así o compromiso do festival de estreitar o vínculo do público con esta especialidade da arte cinematográfica, co obxectivo engadido de impulsar a súa difusión.

Un festival que se achega á comunidade educativa

Outra das particularidades do Animacción é a súa proximidade ás novas xeracións de talentos que emerxen dos ciclos de Formación Profesional e as carreiras universitarias. Por iso, tamén se dará continuidade á tradición de achegar o festival á comunidade educativa, organizado pases para o alumnado da Escola de Imaxe e Son, a ESAD Pablo Picasso e a Facultade de Comunicación Audiovisual da UDC.

A clausura, o día 28 de outubro

A sétima edición do Animacción pecharase cunha festa de clausura o sábado 28 de outubro, coincidiendo co Día Internacional da Animación, cando se conmemorará a primeira proxección pública dunha curta de animación, ‘Pauvre Pierrot’, de Émile Reynaud, estreada en París no ano 1892.

Ao abeiro desta data tan especial, anunciaranse as curtas gañadoras desta edición do certame e haberá diversas sorpresas para as persoas asistentes.